Sunday 12 de May de 2024

A Xunta financia con máis de 56.000 euros un Punto Limpo Móbil para mellorar a xestión de residuos de Carballo


— O delegado territorial da Coruña, Gonzalo Trenor, comprobou o funcionamento deste novo equipamento que garante que toda a cidadanía teña acceso a este servizo que permite a recollida de refugallos especiais

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou esta mañá en Carballo o novo punto limpo móbil que contou cunha axuda do Goberno galego de máis de 56.000 euros.

Esta adquisición foi posible grazas á orde de axudas dirixida a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2019-2020.

Este novo vehículo inclúe chasis, volquete e sobrecartolas, con toldo enrollable no teito de caixa traxeira. O principal obxectivo desta adquisición é mellorar as ratios de recollida de residuos no Concello, evitar os vertedoiros incontroladose dar un servizo á ciudadanía tanto do rural como da vila para que poidan contar cun sistema de recollida de voluminosos e de residuos perigosos previa cita. A previsión inicial é recoller uns 80.000 quilogramos ao ano.
Co novo servizo mellórase e amplíase a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización. De xeito paralelo, tamén se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas e espazos naturais.

Novas ordes de axudas

O delegado da Xunta tamén informou que están abertas varias convocatorias en materia de residuos. En total hai ordes abertas por un importe de 18,7 millóns de euros para mellorar a xestión e recollida dos residuos urbanos. Dúas destas liñas benefician directamente aos concellos, que poderán optar a un orzamento de 15,7 millóns de euros.

Unha destas ordes está dirixida á xestión dos biorresiduos; polo que se establece unha liña de axudas por un importe de 8,6 M€ para apoiar aos concellos naquelas accións planificadas para a introdución do quinto contedor no servizo de recollida municipal; mentres que a segunda liña, dotada cun orzamento de 4,9 M€, está centrada na recollida a través da compostaxe doméstica ou comunitaria.

O prazo de presentación de solicitudes abriuse o 15 de decembro, ata o 31 de xaneiro de 2022, e se pode solicitar -de xeito individual ou colectivo- axuda para a adquisición de contedores, caldeiros domésticos para biorresiduos, composteiros domésticos ou comunitarios, biotrituradoras, aireadores, termómetros e tamizadoras ou camións de recollida, así como para a posta en marcha de campañas informativas.

O importe ao que se pode optar acadada un máximo do 90% do custe da actuación, en función das características do proxecto e do tipo de solicitude presentadas polas entidades locais.

Residuos domésticos especiais
A segunda orde de axudas que está aberta é a das axudas para a recollida dos residuos domésticos especiais, é dicir, os aceites domésticos usados, os téxtiles ou os puntos verdes móbiles.

Así, a Consellería reservou unha partida de 2,2 M€ para sufragar con ata 15.000 euros iniciativas para a implantación da recollida separada de aceite de cociña usado; no caso de querer mellorar a recollida de téxtiles, as entidades poden acceder a unha subvención conxunta de 40.000 euros e, por último, os concellos galegos que desexen contar cun punto verde móbil, poden solicitar unha axuda de ata 70.000 euros ou de ata 100.000, se a convocatoria é conxunta, para adquirir un vehículo que facilite a recollida de residuos urbanos especiais.

Deste xeito, os concellos dótanse dunha infraestrutura móbil coa que ofrecer un servizo ao cidadán para a recollida e depósito de enseres urbanos, evitando a proliferación de puntos de vertido incontrolado nos espazos naturais ou nas zonas de monte.

Mellorar a xestión dos residuos téxtiles
Ademais hai unha terceira orde tamén aberta dirixida exclusivamente aos xestores (pemes, autónomos, asociacións e fundacións) co fin de que se sumen á correcta xestión dos residuos téxtiles, co fin de potenciar a recollida separada e, tras o seu tratamento adecuado, volver a introducilos na cadea produtiva como unha nova materia prima.

Grazas a esta liña actuación, dotada con 3 millóns de euros, ofrécese unha resposta aos residuos que xera o sector téxtil en Galicia e sobre todo á necesidade de pechar o ciclo dos materiais empregados no sector e consumidos polo gran público.

Trenor destacou que este tipo de apoios son medidas de referencia para outros sectores, co fin de que se implante a economía circular, onde os residuos se converten en novos materiais cunha nova vida útil.

Por último, recordou que as actuacións forman parte da Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, para optimizar os servizos de recollida de residuos urbanos e impulsar a economía circular desde o eido local. Indicou que conta con 60 millóns de euros para habilitar incentivos e activar unha rede de infraestruturas para a valoración da materia orgánica.